Saturday 18 de May de 2024

A Xunta destina máis de 820.000 euros a garantir o funcionamento dos centros de Casco Coruña para persoas con VIH


Destaca o importante labor que están a realizar as entidades que traballan neste eido

Investirá máis de 770.000 euros na liña de axudas destinada ás entidades sociais 2020-2022, mentres na liña de inclusión se achegan 40.000 euros para programas dirixidos ás persoas en risco de exclusión social

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá Casco Coruña, entidade centrada na loita contra o VIH, onde destacou a achega de máis de 820.000 euros que realiza a Xunta de Galicia na liña de axudas destinada ás entidades sociais e a posta en marcha de programas de inclusión social. Con estes fondos o Goberno galego busca apoiar e defender a dignidade das persoas que sofren esta enfermidade.

Na última convocatoria de entidades 2020-2022, a Xunta de Galicia destinou a Casco Coruña máis de 770.000 euros, dos que 670.000 foron para a mellora do funcionamento e a optimización dos tres centros de acollida e atención social, e 99.200 se dirixiron á adquisición de material informático e a reforma do interior do centro de atención social.

Ademais, na liña de inclusión social da convocatoria IRPF 2020 a entidade coruñesa recibiu 40.000 euros para o desenvolvemento de proxectos como o Programa de inclusión social de persoas en risco de exclusión social.

Compromiso da Xunta e Galicia coas entidades sociais
Arturo Parrado salientou durante a súa visita o importante labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan na inclusión social e laboral de persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade. Un compromiso que a Xunta de Galicia demostra unha vez máis nos orzamentos dedicados deste ano á área de Inclusión. Destínanse 125,5 millóns de euros a este eido, a contía máis elevada da súa historia, e un 4,5% máis que o ano pasado.